fía na roca

para visualizar correctamente este contido necesitas

Historia
Fía na Roca > Historia

A Historia do Grupo

Imaxe do grupo A aparición de Fía na roca foi un dos acontecimentos clave no panorama da música folk galega. Sempre recebidos con excelentes críticas, a súa proposta supón un verdadeiro sopro de ar fresco no tratamento da música tradicional de Galiza. Cun son elegante e uns arranxos sorprendentes, a tradición convértese nun elemento máis a combinar coas ideas próprias e as máis diversas influéncias, dando lugar a un estilo auténtico e inconfundíbel. A diversidade estilística, xunto coa riqueza tímbrica empregada nas distintas composicións, constitue un dos seus principais sinais de identidade, conquerindo un resultado final coerente e con carácter, afastado deliberadamente de calqueira etiqueta ou fórmula comercial ao uso.

A súa discografia até o momento consta de cinco traballos. "Fía na roca" (1993) foi o seu álbum de estrea, producido por Luís Delgado e con portada do debuxante Miguelanxo Prado. Con el conseguiron chamar a atención da prestixiosa cadea británica BBC, que escolleu a sua música como banda sonora do programa co cal se promocionou o Xacobeu 93 en toda Europa a través da cadea Eurochannel. En 1997 edítase o seu segundo traballo "Agardando que pase algo" no que colaboran co pintor Xoan Guerreiro, que simultaneamente monta unha exposición itinerante co mesmo título do disco. Pouco despois desta publicación, a súa música foi escollida para formar parte dunha selecta compilación que, baixo o título de Celtic Twilight - Celtic Planet, foi editada en Estados Unidos e a Unión Europea.

Imaxe do grupo No 2001 publícase o seu terceiro disco, "Contravento" coa colaboración do fotógrafo Xosé Garrido no apartado gráfico. A súa principal novidade é a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como séptimo compoñente da formación. Novamente o Camiño de Santiago entra en contacto coa música de Fía na roca, pois unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da série baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinaxe que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan.

Durante a xira de apresentación de Contravento, no verán de 2001, coinciden coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Con eles gravan o documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a duo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.

Imaxe do grupo No ano 2003 Fía na roca cumpriu 10 anos de concertos en directo. Para celebralo a banda gravou o seu novo traballo ao vivo no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 7 e 8 de decembro. No ano 2004 editouse "Dez anos ao vivo". Ademais, para completar a celebración, volvéronse a reeditar os tres traballos anteriores nunha nova edición remasterizada.

En xuño de 2007 sae á luz o ata o momento último disco do grupo, “Vente vindo”, unha invitación, unha chamada cara ao ouvinte para animalo a coñecer de perto a música dun grupo que segue a apostar por novos camiños na sua particular viaxe de renovación do folk galego. Este traballo significa un golpe de timón no rumo da banda, que apresenta por primeira vez unha maioría de pezas cantadas -todas elas en galego- e baseadas principalmente nas fontes tradicionais. Fía na roca reinventa-se sen renunciar aos principios orixinarios do grupo: facer música actual partindo da tradicional, amosar que é posíbel ser modernos sendo nós mesmos, sen imitar fórmulas comerciais nen estándares de éxito, evitando os clichés propios e alleos e arriscando artisticamente con cada novo paso no seu andar.

Imaxe do grupo Fía na roca comeza esta etapa con nova formación. Despois de sofrer duas sentidas ausencias –Xabier Bueno, fundador e puntal do proxecto Fía - e Cris Gándara, contrabaixista e músico de recoñecida traxectoria, o grupo renóvase coa entrada de Xabier Olite, ex-Psicofónica de Conxo, que se ocupa dos baixos, e Roberto Rama, procedente do mundo tradicional, que se encarga de gaitas, saxos e low whistles. Xunto con Sonia Lebedynski, Xosé Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues e Roberto Santamarina, o novo Fía fica completo, co permiso de Pablo Barreiro, técnico de son e responsabel da gravación.

E xa no 2008 veñen de cumprirse 15 anos ante o público. De novo é o Teatro Principal en Compostela o marco elexido para a gravación dun concerto que vai ser editado en DVD baixo o título de “Quince maios” e que aspira a ser unha instantánea do grupo despois de todos estes anos, un reflexo do estado actual de Fía na roca. Ao mesmo tempo, continúa a proxección internacional da banda con concertos en Franza, Itália e Alemaña e mesmo Sudamérica, cunha recente xira por Arxentina e Uruguai.