fía na roca

para visualizar correctamente este contido necesitas ter instalado o plugin de Flash

Discografía
Fía na Roca > Discografía

Vente Vindo - 2007

Carátula Vente Vindo
  •  Ver datos técnicos
  • Editor:
    Corda Frouxa - Fía na roca C.B.
  • Distribución dixital:
    Lonxa Cultural, S.L.
Vente vindo é o novo disco de Fía na roca. Unha invitación, unha chiscada de ollo, unha chamada cara ao ouvinte para animalo a coñecer de perto a música dun grupo que segue a apostar por novos camiños na sua particular viaxe de renovación do folk galego.

Este traballo significa un golpe de timón no rumbo da banda, que despois de tres discos de estudio e un ao vivo, fundamentalmente instrumentais, apresenta por primeira vez unha maioría de pezas cantadas -todas elas en galego- e baseadas principalmente nas fontes tradicionais das que segue a beber, se cadra máis que nunca. Coa luz dos focos iluminando a Sonia Lebedynski, que cobra un protagonismo moi especial e aparece en primeiro plano nesta nova etapa, Fía na roca reinventase sen renunciar aos principios orixinarios do grupo: facer música actual partindo da tradicional, amosar que é posíbel ser modernos sendo nós mesmos, sen imitar fórmulas comerciais nen estándares de éxito, evitando os clichés propios e alleos e arriscando artisticamente con cada novo paso no seu andar.

Vente vindo foi concebido e gravado dun xeito distinto aos outros traballos de estudio do grupo. No canto de facer interminábeis sesións de gravación de cada un dos intérpretes –xeito habitual de gravar os discos- neste caso escolleuse unha fórmula diferente: primeiro ensaiar e tocar os temas novos, e logo facer a toma de son en directo, é dicer, tocando todos xuntos coma se fose un concerto e gravando todo a un tempo. O que se buscou é unha interpretación quente, que se sinta perto e que soe dun xeito natural. Unha gravación onde o colectivo está por riba do individual, onde se presta máis atención a acadar unha versión con forza emocional que a obter un produto perfeito, sen fallos, cousa doada por outra parte cos sistemas de edición de audio actuais.

Ao contrario de traballos anteriores, onde a parte creativa recaía en contados membros do grupo, Vente vindo é unha obra onde os músicos traballaron en conxunto, aportando ideas novas aos temas, gravando nos ensaios contínuas versións, variacións e melloras, e chegando aos resultados finais despois dun longo proceso de elaboración colectiva.

Fía na roca comeza outra etapa con nova formación. Despois de sofrer duas sentidas ausencias –Xabier Bueno, fundador e puntal do proxecto Fía- e Cris Gándara, contrabaixista e músico de recoñecida traxectoria, o grupo renóvase coa entrada de Xabier Olite, ex-Psicofónica de Conxo, que se ocupa dos baixos, e Roberto Rama, procedente do mundo tradicional, que se encarga de gaitas, saxos e low whistles. Xunto con Sonia Lebedynski, Xosé Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues e Roberto Santamarina, o novo Fía fica completo, co permiso de Pablo Barreiro, técnico de son e responsábel da gravación.

Nos vindeiros meses poderemos ver a Fía na roca en diversos concertos por Galiza e tamén fóra dela. O grupo ten como obxectivo principal desta nova etapa a sua proxección exterior, asistindo a diversos festivais e concertos en Franza, Alemaña e outros paises, que agardan lles abran definitivamente as portas do circuito internacional.